viernes, 10 de febrero de 2012

Economía e Industria impulsa a competitividade do comercio galego cun portal de venda on line.

A Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio presentaron o portal de comercio electrónico comerciogalicia.es, unha plataforma que permitirá ao sector ofrecer un escaparate conxunto para a venda a través de internet. O portal, que será xestionado pola Federación Galega de Comercio, conta cun deseño atractivo e sinxelo, e ofrece servizos de envío e de pagos unificados, así como vantaxes como a venda por lotes, permitindo mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou que a posta en marcha de comerciogalicia.es permite aos comerciantes galegos “abrirse a novos mercados, conseguir clientes para os seus negocios e ofrecer novos e mellores servizos aos consumidores que xa confían neles día a día, combinando a súa actividade comercial tradicional coa venda a través de internet”.

O titular de Economía e Industria, quen asegurou que “con iniciativas coma esta conseguimos un sector comercial máis competitivo e dinámico”, lembrou que “o impulso á modernización e dinamización do comercio de proximidade é un dos eixos estratéxicos da actuación da Consellería”. Guerra lembrou que “Economía e Industria traballa man a man co sector dotándoo das ferramentas e apoios necesarios, como o Plan Ágora- Agora recomercia, onde se plasma a estratexia comercial da Xunta, ou co desenvolvemento da Lei de Comercio Interior de Galicia”.

A posta en marcha desta web, para a que agora comeza o proceso de captación de establecementos, enmárcase na constante colaboración para o impulso ao sector da Consellería de Economía e Industria coa Federación, á que se levan destinado tres millóns de euros no que vai de lexislatura.

O conselleiro, quen salientou que o fomento do asociacionismo é fundamental para contar cun sector cada día máis forte, recordou que grazas á colaboración entre ambas entidades “se puxeron en marcha numerosas inciativas centradas na información, a formación e a promoción do comercio de proximidade”.

Entre estas iniciativas destacan o mantemento do Gabinete de Asistencia da Federación Galega de Comercio, destinado a asesorar ás asociacións de comerciantes, a posta en marcha da campaña de dinamización do consumo As compras na túa vila teñen premio ou a reactivación da campaña de formación en inglés.

No hay comentarios:

Publicar un comentario