miércoles, 10 de agosto de 2011

A Xunta concede aos concellos máis de 3 millóns para promoción da igualdade, da conciliación e da prevención da violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publicou recentemente a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade das axudas e subvencións concedidas este ano a entidades locais para a promoción da igualdade. En total, o departamento destina unha partida de 3.053.665 de euros, cofinanciada co 80% co FSE e distribuída en catro liñas de actuación, orientadas á promoción da igualdade, prevención e tratamento da violencia de xénero, programas de fomento da conciliación e programas de apoio aos CIM.

A Secretaría Xeral da Igualdade, sensible á delicada situación económica dos concellos, adoptou este ano por primeira vez a decisión de facer un primeiro pagamento anticipado do 80% do importe das axudas concedidas sen constitución de garantías, que se fará efectivo nos vindeiros días, co fin de que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, nunha conxuntura na que coinciden a complexa situación financeira e unha maior demanda de servizos da veciñanza.

A liña de promoción da igualdade entre homes e mulleres atendeu este ano o 100% das solicitudes que cumprían os requisitos establecidos na convocatoria, de xeito que un total de 105 concellos das catro provincias disporán dunha partida de 365.832 euros para actuacións neste eido, que van desde o desenvolvemento de actividades de coeducación á elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades.

A liña de prevención e tratamento da violencia de xénero, dotada este ano con 221.070 euros, ten un total de 60 concellos beneficiarios, que realizarán accións e porán en marcha medidas de sensibilización e concienciación, así como de intervención integral coas mulleres vítimas.

A liña de axudas para accións de fomento da conciliación, atenderá os proxectos de 31 concellos cunha partida total de 232.685 euros, coa planificación de actividades como o programa concilia, campamentos de verán, bancos de tempo ou ludotecas.

A liña con maior dotación económica é a adicada aos CIM, cun presuposto total este ano de 2.234.077 euros. Entre os criterios de concesión destas axudas primouse por primeira vez o fomento de actividades de dinamización da cooperación, no que constitúe unha mostra da consolidación do apoio da Secretaría Xeral da Igualdade á rede de centros de información ás mulleres distribuidos ao longo das catro provincias.

Estas catro liñas de axudas aos concellos teñen unha especial relevancia no marco das actuacións da Secretaría Xeral da Igualdade, por considerar que son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal e profesional, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica da súa poboación.