martes, 3 de abril de 2012

A Xunta destaca o papel dos profesionais autónomos coma parte importante da recuperación da nosa economía

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou o importante papel dos profesionais autónomos coma parte importante da necesaria recuperación da nosa economía.

Rueda mantivo unha reunión cos representante da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos de Galicia (APE), encabezada polo seu presidente, José ramón Caldas, onde salientou que os profesionais autónomos son un dos alicerces fundamentais sobre os que debe desenvolverse a economía de futuro de Galicia.

O conselleiro subliñou a importancia que teñen os autónomos e os emprendedores, no tecido socioeconómico da nosa comunidade, e animounos a seguir participando na recuperación económica do noso país, mediante o esforzo persoal, a motivación pola eficiencia e a eficacia do traballo, e contando sempre co apoio das Administracións.
Nesa liña, o titular das Administracións Públicas do goberno galego incidiu na importancia de que os autónomos teñan voz para falar coas Administracións, e destacou que o deber destas é crear as condicións máis favorables para estes profesionais.
Os profesionais autónomos solicitaron ao conselleiro, un maior control das administracións sobre as actividades á marxe da legalidade, unha vez que xa entrou en vigor a lei Ómnibus, que permite poñer a andar una actividade cunha declaración responsable, sen necesidade de licenza previa.

Rueda avogou por impulsar un modelo económico que facilite a labor dos profesionais autónomos, onde se premie e fomente a enerxía, o traballo, as boas ideas, a creatividade e o bo servizo aos consumidores, características todas que converxen na figura dos profesionais autónomos.

A Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos de Galicia (APE), está presente en todo o territorio galego, e conta con 110 asociacións de autónomos de Galicia, tendo coma principal obxectivo a xestión e a defensa dos intereses dos autónomos nas súas relacións coas Administracións Públicas e outros axentes socioeconómicos.

APE é unha entidade sen ánimo de lucro constituída por autónomos que desenvolven a súa actividade nos sectores do comercio, industria, agricultura, mar e servizos na nosa comunidade autónoma. Forma parte da Xunta directiva da Confederación Intersectorial de Autónomos de España.