lunes, 28 de mayo de 2012

Axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino

O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución do 14 de maio de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (SI429A). 

Obxecto e réxime das axudas
Estas axudas teñen por obxecto incentivar as mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral, a través das seguintes liñas de actuación:
  • Liña Emprende: programa de axudas económicas a través de primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea.
  • Liña Innova: programa de axudas económicas mediante primas para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.
  • Liña Activa: programa de axudas económicas a través de primas para favorecer a reactivación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.
  • Liña Concilia: programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das liñas Emprende, Innova ou Activa nas cales existan promotoras con fillos/as menores de tres anos, para favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización, que comparten flexibilidade no uso dos tempos para a execución do traballo e o desenvolvemento sustentable dos recursos, para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral e o exercicio das responsabilidades familiares compartidas do equipo humano que integra a empresa.
Prazo de presentación:  1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

lunes, 21 de mayo de 2012

A Secretaría Xeral da Igualdade celebra unha xornada sobre o papel da muller nos postos directivos

As mulleres directivas enfróntanse a barreiras culturais e sociais que poden afectar ao seu desenvolvemento persoal e profesional. Sen embargo, para unha organización, impulsar o acceso da muller a postos directivos pode convertirse nun poderoso axente de cambio tanto para a propia organización como para a sociedade en xeral. Consciente da importancia do tema, a Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD), celebra o dia 22 de maio en Santiago a Xornada “Muller e liderado. Dirixir e emprender en feminino”, co obxectivo de crear un espazo de encontro e debate no que asistentes e poñentes poidan compartir experiencias e tomar conciencia da súa propia capacidade para liderar o cambio dentro das súas organizacións.
Os obxectivos do encontro son promover o avance das mulleres como potenciais directivas que achegan valor ás organizacións, aprender doutras experiencias e compartir ideas desde distintos enfoques, reflexionar e aprender a utilizar as competencias de xénero para unha maior eficacia laboral.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Zona Noroeste de APD, Honorato López Isla, inaugurarán a xornada ás 9.30 horas no Auditorio da Cidade da Cultura. A continuación, Carmen Plaza Martín, directora xeral de Igualdade de Oportunidades do Ministerio de Sanidade, e Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, abordarán “A igualdade nas políticas públicas”.
O primeiro bloque de debate, a partires das 10.30 horas, versará sobre o aproveitamento do talento feminino, coa ponencia de Belén Varela Romero, directora de RH Positivo e autora do libro “A rebelión das moscas. Reflexións, principios e pautas para unha organización optimista”, que analizará cómo liderar de forma creativa a través do optimismo.
Ás 11.00 horas comezará a mesa redonda “Exemplos inspiradores”, moderada pola directora-xerente da TVG, Rosa Vilas Núñez, e na que participarán Carme Pampín Casal, conselleira delegada de Galchimia; Josefina Fernández Miguélez, directora xeral de Geriatros; Montserrat Sánchez-Agustino Mariño, presidenta da Asociación de Executivas de Galicia; e Sofía Godoy Gómez-Franqueira, xerente da Fundación Coren.
O segundo bloque, a partires das 12.15 horas, “Aprender da experiencia”, contará coa participación de Nuria Vilanova Giralt, presidenta de Inforpress, que falará sobre os frenos e os aceleradores da carreira directiva da muller.
A sesión rematará coa mesa redonda “Mulleres que lideran”, moderada pola profesora de Organización de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela, María Bastida Domínguez, e na que compartirán as súas experiencias María Louzao Gato, directora da Zona Noroeste de Applus; Clara de Lorenzo Rodríguez, directora de Recursos Humanos de Gadisa; e María Camino, directora de Recursos Humanos de Novagalicia Banco.