lunes, 21 de mayo de 2012

A Secretaría Xeral da Igualdade celebra unha xornada sobre o papel da muller nos postos directivos

As mulleres directivas enfróntanse a barreiras culturais e sociais que poden afectar ao seu desenvolvemento persoal e profesional. Sen embargo, para unha organización, impulsar o acceso da muller a postos directivos pode convertirse nun poderoso axente de cambio tanto para a propia organización como para a sociedade en xeral. Consciente da importancia do tema, a Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD), celebra o dia 22 de maio en Santiago a Xornada “Muller e liderado. Dirixir e emprender en feminino”, co obxectivo de crear un espazo de encontro e debate no que asistentes e poñentes poidan compartir experiencias e tomar conciencia da súa propia capacidade para liderar o cambio dentro das súas organizacións.
Os obxectivos do encontro son promover o avance das mulleres como potenciais directivas que achegan valor ás organizacións, aprender doutras experiencias e compartir ideas desde distintos enfoques, reflexionar e aprender a utilizar as competencias de xénero para unha maior eficacia laboral.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Zona Noroeste de APD, Honorato López Isla, inaugurarán a xornada ás 9.30 horas no Auditorio da Cidade da Cultura. A continuación, Carmen Plaza Martín, directora xeral de Igualdade de Oportunidades do Ministerio de Sanidade, e Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, abordarán “A igualdade nas políticas públicas”.
O primeiro bloque de debate, a partires das 10.30 horas, versará sobre o aproveitamento do talento feminino, coa ponencia de Belén Varela Romero, directora de RH Positivo e autora do libro “A rebelión das moscas. Reflexións, principios e pautas para unha organización optimista”, que analizará cómo liderar de forma creativa a través do optimismo.
Ás 11.00 horas comezará a mesa redonda “Exemplos inspiradores”, moderada pola directora-xerente da TVG, Rosa Vilas Núñez, e na que participarán Carme Pampín Casal, conselleira delegada de Galchimia; Josefina Fernández Miguélez, directora xeral de Geriatros; Montserrat Sánchez-Agustino Mariño, presidenta da Asociación de Executivas de Galicia; e Sofía Godoy Gómez-Franqueira, xerente da Fundación Coren.
O segundo bloque, a partires das 12.15 horas, “Aprender da experiencia”, contará coa participación de Nuria Vilanova Giralt, presidenta de Inforpress, que falará sobre os frenos e os aceleradores da carreira directiva da muller.
A sesión rematará coa mesa redonda “Mulleres que lideran”, moderada pola profesora de Organización de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela, María Bastida Domínguez, e na que compartirán as súas experiencias María Louzao Gato, directora da Zona Noroeste de Applus; Clara de Lorenzo Rodríguez, directora de Recursos Humanos de Gadisa; e María Camino, directora de Recursos Humanos de Novagalicia Banco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario