martes, 27 de septiembre de 2011

DÍA DO EMPRENDEDOR 2011

Profesionais e especialistas destacados do mundo da empresa compartirán as súas experiencias e coñecementos na próxima edición do Día do Emprendedor de Galicia que este ano, por primeira vez, terá lugar nas cidades de Lugo, Ourense e Santiago nos días 18, 20 e 25 de outubro, respectivamente. Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e Bic Galicia e en colaboración coa iniciativa “Emprendemos Juntos” do Mityc, ten por obxetivo a promoción da actividade emprendedora, fundamental nun contexto de crise como o actual. Os interesados en participar xa poden inscribirse a través da web http://www.diaemprendedor.com/
O evento central, que terá lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, contará con Antonio González Barros, presidente do grupo Intercom -empresa líder en España na creación e desenvolvemento de negocios en internet como Softonic.com, Infojobs.net ou Emagister.com-, como relator estrela da sesión plenaria da xornada. As actividades lúdicas correrán a cargo de David Amor, humorista e actor, quen presentará a xornada cunha visión persoal sobre o mundo do emprendemento e da empresa.
Dentro da liña temática “Emprendendo” desenvolveranse diferentes mesas redondas que achegarán experiencias e consellos de prestixiosos expertos do ámbito da creación de empresas. Na conferencia “Emprender con valores” participará Carlos Piñeyroa, especialista en consultaría de recursos humanos, e Luis García Deber, da Fundación Ronsel, una organización que procura mellorar a situación das persoas en situación de desemprego.
As mulleres interesadas no autoemprego teñen una cita na mesa “Emprender en feminino”, na que Irene Bonet, da Federación de Empresarias de Galicia e Eva López, de Woman Emprende, explicarán as diferentes liñas de apoio que existen para aquelas mulleres que desexan pór en marcha o seu propio negocio.
A conxuntura económica tampouco quedará á marxe das xornadas. O encargado de contar a súa experiencia será David Baltar, da empresa especializa na venta de veleiros e motoras Argonáutica, e institucións como Fegaxe e Bic Galicia achegarán os diferentes servizos cos que contan para axudar aos emprendedores. Por outra banda, na liña temática “oportunidades de negocio”, abordaranse diferentes vías para lanzarse a aventura empresarial como a universidade, os viveiros de empresa ou a internacionalización.
A VI edición do Dia do Emprendedor contará tamén con importantes expertos en financiamento que falarán das posibilidades que existen no mercado para financiar un proxecto emprendedor. Neste bloque abordarase así mesmo un novo concepto de banca que cada día suma máis adeptos, a banca ética, unha nova fórmula de promover o rendemento financeiro e o rendemento social.
Os negocios tecnolóxicos ocuparán outra das liñas temáticas deste ano. Fernando Gómez, promotor do Grupo Mas Impacto, empresa viguesa especializada nas novas tecnoloxías, compartirá a súa experiencia como emprendedor. Carlos Blanco, fundador do Grupo Itnet e Business Angels contará os principais erros que comenten os emprendedores e Javier Varela, reputado experto en marketing online, explicará a importancia que os novos medios de comunicación teñen para a reputación das compañías.
Este ano, ademáis, o Día do Emprendedor reforzará o networking e as zonas de asesoramento directo para emprendedores onde expertos en diferentes áreas resolverán, de xeito personalizado, as dúbidas dos emprendedores. Os interesados nestes encontros deberán inscribirse previamente na web do dia do emprendedor.
Nesta edición, a parte do evento central, que se desenvolverá en Santiago de Compostela o 25 de outubro, haberá itinerarios diferenciados para as provincias de Lugo e Ourense, como un servizo engadido de apoio ao emprendemento, ao abeiro dos respectivos plans Impulsa.
Emprendedores locais contarán como idearon as súas empresas e como as puxeron en marcha ata converterse en referencias non só nas súas provinciais, senón tamén a nivel autonómico e nacional. As sesións plenarias das edicións de Lugo e Ourense contarán coa actuación do monologuista coruñés Rober Bodegas, quen reflexionará ao “seu xeito” sobre a aventura de emprender.