martes, 27 de septiembre de 2011

DÍA DO EMPRENDEDOR 2011

Profesionais e especialistas destacados do mundo da empresa compartirán as súas experiencias e coñecementos na próxima edición do Día do Emprendedor de Galicia que este ano, por primeira vez, terá lugar nas cidades de Lugo, Ourense e Santiago nos días 18, 20 e 25 de outubro, respectivamente. Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e Bic Galicia e en colaboración coa iniciativa “Emprendemos Juntos” do Mityc, ten por obxetivo a promoción da actividade emprendedora, fundamental nun contexto de crise como o actual. Os interesados en participar xa poden inscribirse a través da web http://www.diaemprendedor.com/
O evento central, que terá lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, contará con Antonio González Barros, presidente do grupo Intercom -empresa líder en España na creación e desenvolvemento de negocios en internet como Softonic.com, Infojobs.net ou Emagister.com-, como relator estrela da sesión plenaria da xornada. As actividades lúdicas correrán a cargo de David Amor, humorista e actor, quen presentará a xornada cunha visión persoal sobre o mundo do emprendemento e da empresa.
Dentro da liña temática “Emprendendo” desenvolveranse diferentes mesas redondas que achegarán experiencias e consellos de prestixiosos expertos do ámbito da creación de empresas. Na conferencia “Emprender con valores” participará Carlos Piñeyroa, especialista en consultaría de recursos humanos, e Luis García Deber, da Fundación Ronsel, una organización que procura mellorar a situación das persoas en situación de desemprego.
As mulleres interesadas no autoemprego teñen una cita na mesa “Emprender en feminino”, na que Irene Bonet, da Federación de Empresarias de Galicia e Eva López, de Woman Emprende, explicarán as diferentes liñas de apoio que existen para aquelas mulleres que desexan pór en marcha o seu propio negocio.
A conxuntura económica tampouco quedará á marxe das xornadas. O encargado de contar a súa experiencia será David Baltar, da empresa especializa na venta de veleiros e motoras Argonáutica, e institucións como Fegaxe e Bic Galicia achegarán os diferentes servizos cos que contan para axudar aos emprendedores. Por outra banda, na liña temática “oportunidades de negocio”, abordaranse diferentes vías para lanzarse a aventura empresarial como a universidade, os viveiros de empresa ou a internacionalización.
A VI edición do Dia do Emprendedor contará tamén con importantes expertos en financiamento que falarán das posibilidades que existen no mercado para financiar un proxecto emprendedor. Neste bloque abordarase así mesmo un novo concepto de banca que cada día suma máis adeptos, a banca ética, unha nova fórmula de promover o rendemento financeiro e o rendemento social.
Os negocios tecnolóxicos ocuparán outra das liñas temáticas deste ano. Fernando Gómez, promotor do Grupo Mas Impacto, empresa viguesa especializada nas novas tecnoloxías, compartirá a súa experiencia como emprendedor. Carlos Blanco, fundador do Grupo Itnet e Business Angels contará os principais erros que comenten os emprendedores e Javier Varela, reputado experto en marketing online, explicará a importancia que os novos medios de comunicación teñen para a reputación das compañías.
Este ano, ademáis, o Día do Emprendedor reforzará o networking e as zonas de asesoramento directo para emprendedores onde expertos en diferentes áreas resolverán, de xeito personalizado, as dúbidas dos emprendedores. Os interesados nestes encontros deberán inscribirse previamente na web do dia do emprendedor.
Nesta edición, a parte do evento central, que se desenvolverá en Santiago de Compostela o 25 de outubro, haberá itinerarios diferenciados para as provincias de Lugo e Ourense, como un servizo engadido de apoio ao emprendemento, ao abeiro dos respectivos plans Impulsa.
Emprendedores locais contarán como idearon as súas empresas e como as puxeron en marcha ata converterse en referencias non só nas súas provinciais, senón tamén a nivel autonómico e nacional. As sesións plenarias das edicións de Lugo e Ourense contarán coa actuación do monologuista coruñés Rober Bodegas, quen reflexionará ao “seu xeito” sobre a aventura de emprender.

miércoles, 10 de agosto de 2011

A Xunta concede aos concellos máis de 3 millóns para promoción da igualdade, da conciliación e da prevención da violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publicou recentemente a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade das axudas e subvencións concedidas este ano a entidades locais para a promoción da igualdade. En total, o departamento destina unha partida de 3.053.665 de euros, cofinanciada co 80% co FSE e distribuída en catro liñas de actuación, orientadas á promoción da igualdade, prevención e tratamento da violencia de xénero, programas de fomento da conciliación e programas de apoio aos CIM.

A Secretaría Xeral da Igualdade, sensible á delicada situación económica dos concellos, adoptou este ano por primeira vez a decisión de facer un primeiro pagamento anticipado do 80% do importe das axudas concedidas sen constitución de garantías, que se fará efectivo nos vindeiros días, co fin de que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, nunha conxuntura na que coinciden a complexa situación financeira e unha maior demanda de servizos da veciñanza.

A liña de promoción da igualdade entre homes e mulleres atendeu este ano o 100% das solicitudes que cumprían os requisitos establecidos na convocatoria, de xeito que un total de 105 concellos das catro provincias disporán dunha partida de 365.832 euros para actuacións neste eido, que van desde o desenvolvemento de actividades de coeducación á elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades.

A liña de prevención e tratamento da violencia de xénero, dotada este ano con 221.070 euros, ten un total de 60 concellos beneficiarios, que realizarán accións e porán en marcha medidas de sensibilización e concienciación, así como de intervención integral coas mulleres vítimas.

A liña de axudas para accións de fomento da conciliación, atenderá os proxectos de 31 concellos cunha partida total de 232.685 euros, coa planificación de actividades como o programa concilia, campamentos de verán, bancos de tempo ou ludotecas.

A liña con maior dotación económica é a adicada aos CIM, cun presuposto total este ano de 2.234.077 euros. Entre os criterios de concesión destas axudas primouse por primeira vez o fomento de actividades de dinamización da cooperación, no que constitúe unha mostra da consolidación do apoio da Secretaría Xeral da Igualdade á rede de centros de información ás mulleres distribuidos ao longo das catro provincias.

Estas catro liñas de axudas aos concellos teñen unha especial relevancia no marco das actuacións da Secretaría Xeral da Igualdade, por considerar que son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal e profesional, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica da súa poboación.

viernes, 27 de mayo de 2011

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR: Axudas en materia de traballo en igualdade das mulleres de Galicia

Obxecto: convocatoria de axudas dirixidas ao fomento da implantación de plans de igualdade, para a eliminación da infrarrepresentación feminina e para a garantía e mellora do dereito á conciliación da vida familiar e laboral en pequenas e medianas empresas (pemes).

Liñas de axuda:Liña I: axudas para a implantación de plans de igualdade.
Liña II: axudas para actuacións tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Liña III: axudas para os investimentos realizados polas empresas co fin de habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación e instalacións análogas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

Beneficiarios: as pequenas e medianas empresas que teñan domicilio social en Galicia ou empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que, pola súa vez, teñan contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, catro persoas.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 27/06/2011.

Accede ás bases da convocatoria, preme AQUÍ.

jueves, 19 de mayo de 2011

Subvencións para fomentar a responsabilidade social empresarial (RSE) nas pequenas e medianas empresas


Obxecto: convocatoria de axudas para fomentar a responsabilidade social empresarial (RSE) nas pequenas e medianas empresas (pemes), a través das seguintes liñas:
Liña I: axudas para a implantación de modelos, sistemas ou ferramentas de xestión que introduzan conceptos de RSE nas empresas galegas.
Liña II: axudas para que a empresa reciba formación específica en materia de sustentabilidade ou responsabilidade social empresarial.
Liña III: axudas para a obtención de reportes, estándares ou certificacións en responsabilidade social empresarial.

Beneficiarios: as empresas privadas con domicilio social e centro de traballo en Galicia, que reúnan as seguintes condicións:
a) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.
b) Que conten cun número de persoas traballadoras inferior a 250.
c) Atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.
d) Non teñen consideración de beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro.

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 18/06/2011
Accede ás bases da convocatoria na web da Fundación. PREME AQUÍ.

jueves, 28 de abril de 2011

Economía e Industria deseña o primeiro Rexistro galego de comercio que permitirá analizar a situación e as necesidades do comercio de proximidade galego

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe anteproxecto do decreto para a regulación do primeiro Rexistro Galego de Comercio polo que “habilitarase un censo actualizado dos establecementos, asociacións e actividades comerciais desenvolvidas en Galicia; facilitarase un diagnóstico preciso da estrutura comercial galega, e ofrecerase unha fonte de análise e estudo, axeitada para axudar na toma decisións eficaces de cara ao establecemento de políticas de dinamización, á vez que facilitará o cumprimento da nova Lei de Comercio”.
O titular de Economía e Industria salientou que, por primeira vez, a Comunidade Autónoma de Galicia contará cun instrumento centrado en proporcionar á Administración autonómica os datos necesarios para o coñecemento das estruturas comerciais, facilitar o exercicio das funcións de vixilancia, verificación e constatación do cumprimento da Lei de Comercio; contribuír á definición das políticas de axudas públicas e subvencións ao sector comercial, máis acertadas e acordes ás súas necesidades e intereses; habilitar un instrumento de información para o propio sector comercial e para a sociedade Galega; garantir os dereitos e intereses das persoas consumidoras e usuarias, e contribuír á simplificación administrativa, ao evitar, en certos casos, a necesidade de acreditación de datos que xa obren no rexistro.
Javier Guerra definiu o Rexistro Galego de Comercio como “unha das ferramentas máis eficaces, recollida na Lei de Comercio”, aprobada en decembro de 2010, e engadiu que a inscrición no mesmo será gratuíta, para os comerciantes, e voluntaria, en todas as modalidades, excepto nos supostos de venda a distancia e franquía, tal e como sinala a Lei .
Ademais, cando estea plenamente operativo, a inscrición no Rexistro será condición indispensable para os comerciantes interesados en optar a calquera das liñas de axuda convocadas pola Administración ou para participar activamente en programas específicos.
Guerra salientou tamén que “a creación deste Rexistro supón un paso adiante, cara á e-Administración, tamén no ámbito comercial”, xa que as inscricións, comunicacións e demais trámites relacionados co Rexistro Galego de Comercio faranse por medios telemáticos.
Segundo o anteproxecto do decreto, a estrutura do Rexistro Galego de Comercio organízase en 6 seccións: de persoas comerciantes con establecemento permanente; de persoas comerciantes sen establecemento permanente (por exemplo, venda a domicilio ou venda ocasional); de venda a distancia; de venda ambulante; de actividade comercial en réxime de franquía e de asociacións de comerciantes.
Ademais, a norma tamén detalla cales son os datos que deberán figurar inscritos, para facilitar a realización da actividade estatística. Entre os que convén destacar: a superficie de venda do establecemento, a pertenza a algunha asociación de comerciantes, a adhesión ao sistema arbitral de consumo, a consideración de outlet, a pertenza a un centro comercial aberto ou a un mercado, o número de traballadores e o período de actividade ao ano.
Para concluír Guerra, apuntou que “para entender a utilidade desa ferramenta, é fundamental ter en conta que tense establecido e regulado a necesidade de colaboración coa administración local, o sistema estatístico de Galicia e mais con outros rexistros estatais e autonómicos”.

viernes, 8 de abril de 2011

II FEIRA EUROPEA DO EMPREGO

A Deputación da Coruña, a través do centro Europe Direct, e a Universidade da Coruña organizaron a IV FEIRA EUROPEA DE EMPREGO os días 11 e 12 de abril de 2011 no Campus de Elviña da Universidade da Coruña. Esta iniciativa pioneira a nivel rexional, conta coa colaboración do Concello da Coruña, Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e co apoio da Representación da Comisión Europea en España e con entidades patrocinadoras como IGAPE.

OBXECTIVO XERAL

O obxectivo xeral desta IV Feira Europea de Emprego (FEE), foi, como na súa edición anterior, promover o encontro directo entre la Universidad, as empresas e as instituciones relacionadas co emprego no marco dunha dimensión europea do mercado e da mobilidade laboral.

PARTICIPANTES
      • Estudantes universitarios/as e persoas recentemente tituladas
      • Mozos/as emprendedores e emprendedoras
      • Estudantes e persoas tituladas en Formación Profesional
ACTIVIDADES

      • Mesas redondas
      • Talleres da Rede EURES (Servizo Europeo de Emprego)
      • Actividades das empresas: Stands, presentacións técnicas e probas de selección de persoal
      • "Café negocios", un espazo para que as empresas participantes poidan realizar encontros empresariais e identificar novas liñas de negocios.
Visite a WEB da IVFEE