lunes, 4 de marzo de 2013

A SECRETARÍA XERAL DE IGUALDADE PRESENTA O VI PLAN GALEGO DE IGUALDADE


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o VI Plan Galego para a Igualdade entre Mulleres e Homes. López Abella destacou que este é “o primeiro plan de todo o Goberno galego”, nunha clara mostra do apoio da Xunta cara a consecución da igualdade real de oportunidades para as mulleres.
A secretaria xeral asegurou que, pese á difícil situación económica e social, estase ante un plan ambicioso, tanto no número de accións presentadas polo conxunto da Administración galega, como na revisión, actualización e mellora destas para ofrecer unha resposta adecuada ás demandas sociais actuais e de futuro. Precisamente, máis das tres cuartas partes das actividades do plan incorporan cambios ou son novas respecto aos anos anteriores.
O VI Plan de Igualdade ten programadas para o período 2013-2015 un total de 320 actuacións, cun orzamento de máis de 220 millóns de euros. Segundo explicou a titular de Igualdade, o seu obxectivo é “consolidar os logros xa acadados e, sobre todo, continuar a traballar nos compromisos e retos que aínda quedan por conseguir”.
Así, o Plan estruturase en seis eixes principais: acción integral para combater a violencia de xénero; mellora da gobernanza a favor da igualdade; cambio de valores e modelos para a igualdade; aproveitamento do talento feminino; conciliación, corresponsable e calidade de vida; e participación activa das mulleres na sociedade.
O plan vai facer especial fincapé nos Centros de Información á Muller espallados por distintos concellos e mancomunidades da provincia.

Combater a violencia de xénero

Tal e como explicou a secretaria xeral de Igualdade, a acción integral para combater a violencia de xénero é o eixo que engloba un maior numero de actuacións, con case o 30 por cento das actividades do plan (91). Trátase de accións de prevención e asistencia integral e coordinada a favor das mulleres vítimas e das persoas ao seu cargo, así como a través do apoio á súa independencia e integración social.


Neste eixo destaca o desenvolvemento do Observatorio Galego da Violencia de Xénero para estimular o estudo, avaliación e seguimento das políticas contra a violencia de xénero en Galicia; o impulso dunha Rede de Concellos contra a violencia de xénero que desenvolvan programas de prevención e abordaxe da violencia de xénero; e a promoción e apoio á posta en marcha dun recurso especializado na atención de menores vítimas de trata, fundamentalmente con fins de explotación sexual.

Mellora da gobernanza a favor da igualdade

Na mellora da gobernanza a favor da igualdade, o Plan recolle 50 actuacións e o compromiso polo desenvolvemento da transversalidade de xénero nas políticas desenvolvidas pola Administración galega. Este criterio aplicarase no deseño, execución e seguimento de políticas das que mulleres e homes se beneficien de forma equivalente, contribuíndo ao progreso e benestar do conxunto da sociedade galega.


O Plan recolle a realización dun programa de formación avanzada para os profesionais da Administración autonómica cunha relación máis directa co desenvolvemento da perspectiva de xénero na acción e nos servizos públicos; e o reforzamento do papel dos centros de informacion ás mulleres como axentes como axentes dinamizadores da igualdade entre homes e mulleres no ámbito local.

Cambio de valores e modelos

O plan tamén contempla 72 actuacións encamiñadas a actividades de difusión, sensibilización e aprendizaxe que sirvan para concienciar a poboación, especialmente á mocidade, sobre a necesidade de comprometerse cun modelo social máis equitativo en xénero e adoptar unha actitude proactiva na súa cimentación por parte de todos e de todas.


Neste apartado destaca o apoio á realización de actividades de coeducación dende as entidades locais dirixidas á poboación infantil e xuvenil, así como o desenvolvemento de ferramentas, materiais e outras iniciativas de información e orientación, dirixidas ao deseño e implantación dunha estratexia coeducativa integral nos centros educativos de niveis non universitarios, xunto coa posta en marcha dunha liña de asesoramento on line en materia de igualdade de xénero e coeducación a disposición dos centros educativos.

Aproveitamento do talento feminino

As actuacións para o aproveitamento do talento feminino van desde concienciar sobre a necesidade colectiva de avanzar nunha plena participación das mulleres no mercado laboral e profesional ata o deseño de axudas que sirvan de estímulo á súa incorporación ao mercado do traballo e á consolidación da igualdade de trato e de oportunidades neste ámbito, pasando pola actualización ou reforzamento das competencias profesionais mediante a formación.


De entre as 53 actuacións contempladas, destacan as liñas de subvencións para a posta en marcha de iniciativas empresariais de mulleres e para a creación de emprego feminino vinculado aos novos proxectos de empresa; o acompañamento en proxectos de renovación e relanzamento empresarial liderados por mulleres que estean orientados ao mantemento da promoción e da competitividade; e o apoio á introdución de melloras innovadoras e creativas nos proxectos de desenvolvemento empresarial liderados por mulleres.

Conciliación corresponsable e calidade de vida

No eixo da conciliación corresponsable e calidade de vida englóbanse 27 actuacións dirixidas a promover unha asunción equilibrada entre ambos sexos dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares cos tempos dedicados ao traballo remunerado e á formación, así como ao ocio e á vida social.


Coma actuacións salientables destacan as subvencións destinadas a apoiar a organización de servizos, recursos e actividades complementarias que faciliten a adecuación dos horarios escolares cos horarios laborais das familias; así como á conciliación do exercicio profesional das mulleres emprendedoras e empresarias coa vida persoal e familiar.

Participación activa das mulleres na sociedade

O sexto e último eixo contempla 27 actuacións dirixidas a facer máis visible a presenza feminina nos diferentes ámbitos da vida pública e social, a través dunha maior difusión das vantaxes da diversidade e da colaboración en igualdade, así como das experiencias e capacidades reais de liderado das mulleres.


Neste apartado destaca o desenvolvemento de programas de estímulo á participación social e á visibilidade das mulleres en situación de especial vulnerabilidade; o fomento de programas de actividades por parte do movemento asociativo feminino que reforcen o principio de igualdade e favorezan o empoderamento e a participación das mulleres; ou a posta en marcha e desenvolvemento do Consello Galego de Mulleres como canle de participación efectiva destas na aplicación do principio de igualdade de xénero e na loita contra a discriminación.

lunes, 28 de mayo de 2012

Axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino

O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución do 14 de maio de 2012, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (SI429A). 

Obxecto e réxime das axudas
Estas axudas teñen por obxecto incentivar as mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral, a través das seguintes liñas de actuación:
  • Liña Emprende: programa de axudas económicas a través de primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea.
  • Liña Innova: programa de axudas económicas mediante primas para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.
  • Liña Activa: programa de axudas económicas a través de primas para favorecer a reactivación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.
  • Liña Concilia: programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das liñas Emprende, Innova ou Activa nas cales existan promotoras con fillos/as menores de tres anos, para favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización, que comparten flexibilidade no uso dos tempos para a execución do traballo e o desenvolvemento sustentable dos recursos, para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral e o exercicio das responsabilidades familiares compartidas do equipo humano que integra a empresa.
Prazo de presentación:  1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

lunes, 21 de mayo de 2012

A Secretaría Xeral da Igualdade celebra unha xornada sobre o papel da muller nos postos directivos

As mulleres directivas enfróntanse a barreiras culturais e sociais que poden afectar ao seu desenvolvemento persoal e profesional. Sen embargo, para unha organización, impulsar o acceso da muller a postos directivos pode convertirse nun poderoso axente de cambio tanto para a propia organización como para a sociedade en xeral. Consciente da importancia do tema, a Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD), celebra o dia 22 de maio en Santiago a Xornada “Muller e liderado. Dirixir e emprender en feminino”, co obxectivo de crear un espazo de encontro e debate no que asistentes e poñentes poidan compartir experiencias e tomar conciencia da súa propia capacidade para liderar o cambio dentro das súas organizacións.
Os obxectivos do encontro son promover o avance das mulleres como potenciais directivas que achegan valor ás organizacións, aprender doutras experiencias e compartir ideas desde distintos enfoques, reflexionar e aprender a utilizar as competencias de xénero para unha maior eficacia laboral.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Zona Noroeste de APD, Honorato López Isla, inaugurarán a xornada ás 9.30 horas no Auditorio da Cidade da Cultura. A continuación, Carmen Plaza Martín, directora xeral de Igualdade de Oportunidades do Ministerio de Sanidade, e Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, abordarán “A igualdade nas políticas públicas”.
O primeiro bloque de debate, a partires das 10.30 horas, versará sobre o aproveitamento do talento feminino, coa ponencia de Belén Varela Romero, directora de RH Positivo e autora do libro “A rebelión das moscas. Reflexións, principios e pautas para unha organización optimista”, que analizará cómo liderar de forma creativa a través do optimismo.
Ás 11.00 horas comezará a mesa redonda “Exemplos inspiradores”, moderada pola directora-xerente da TVG, Rosa Vilas Núñez, e na que participarán Carme Pampín Casal, conselleira delegada de Galchimia; Josefina Fernández Miguélez, directora xeral de Geriatros; Montserrat Sánchez-Agustino Mariño, presidenta da Asociación de Executivas de Galicia; e Sofía Godoy Gómez-Franqueira, xerente da Fundación Coren.
O segundo bloque, a partires das 12.15 horas, “Aprender da experiencia”, contará coa participación de Nuria Vilanova Giralt, presidenta de Inforpress, que falará sobre os frenos e os aceleradores da carreira directiva da muller.
A sesión rematará coa mesa redonda “Mulleres que lideran”, moderada pola profesora de Organización de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela, María Bastida Domínguez, e na que compartirán as súas experiencias María Louzao Gato, directora da Zona Noroeste de Applus; Clara de Lorenzo Rodríguez, directora de Recursos Humanos de Gadisa; e María Camino, directora de Recursos Humanos de Novagalicia Banco.

martes, 3 de abril de 2012

A Xunta destaca o papel dos profesionais autónomos coma parte importante da recuperación da nosa economía

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou o importante papel dos profesionais autónomos coma parte importante da necesaria recuperación da nosa economía.

Rueda mantivo unha reunión cos representante da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos de Galicia (APE), encabezada polo seu presidente, José ramón Caldas, onde salientou que os profesionais autónomos son un dos alicerces fundamentais sobre os que debe desenvolverse a economía de futuro de Galicia.

O conselleiro subliñou a importancia que teñen os autónomos e os emprendedores, no tecido socioeconómico da nosa comunidade, e animounos a seguir participando na recuperación económica do noso país, mediante o esforzo persoal, a motivación pola eficiencia e a eficacia do traballo, e contando sempre co apoio das Administracións.
Nesa liña, o titular das Administracións Públicas do goberno galego incidiu na importancia de que os autónomos teñan voz para falar coas Administracións, e destacou que o deber destas é crear as condicións máis favorables para estes profesionais.
Os profesionais autónomos solicitaron ao conselleiro, un maior control das administracións sobre as actividades á marxe da legalidade, unha vez que xa entrou en vigor a lei Ómnibus, que permite poñer a andar una actividade cunha declaración responsable, sen necesidade de licenza previa.

Rueda avogou por impulsar un modelo económico que facilite a labor dos profesionais autónomos, onde se premie e fomente a enerxía, o traballo, as boas ideas, a creatividade e o bo servizo aos consumidores, características todas que converxen na figura dos profesionais autónomos.

A Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos de Galicia (APE), está presente en todo o territorio galego, e conta con 110 asociacións de autónomos de Galicia, tendo coma principal obxectivo a xestión e a defensa dos intereses dos autónomos nas súas relacións coas Administracións Públicas e outros axentes socioeconómicos.

APE é unha entidade sen ánimo de lucro constituída por autónomos que desenvolven a súa actividade nos sectores do comercio, industria, agricultura, mar e servizos na nosa comunidade autónoma. Forma parte da Xunta directiva da Confederación Intersectorial de Autónomos de España.

martes, 6 de marzo de 2012

A Xunta conmemora o día 8 de marzo coa campaña 'Sen mulleres non hai Galicia'

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou  a campaña de comunicación da Xunta de Galicia con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres o 8 de marzo, que se caracteriza polo criterio de por en valor a contribución das mulleres ao desenvolvemento económico de Galicia. Baixo o slogan 'Sen mulleres non hai Galicia', a campaña quere simbolizar as achegas da muller ao progreso de Galicia ao longo dos tempos, no pasado, no presente e no futuro.

De xeito expreso, esta iniciativa quere ser tamén un recoñecemento á muller galega contemporánea, "que conforma a xeración de galegas máis preparadas da historia", en palabras da titular de Igualdade. Como exemplos da pegada das mulleres na actividade económica, durante a rolda de prensa de presentación da campaña Susana López Abella referíuse, entre outras,  ás máis de 499.500 mulleres activas no mercado laboral en Galicia, ás máis de 48.600 que traballan na industria; ás 36.400 que se dedican profesionalmente á agricultura e á gandería; ás máis de 22.700 empresarias con persoas asalariadas ou ás máis de 36.000 estudiantes universitarias.

A campaña 'Sen mulleres non hai Galicia' tivo unha primeira fase en redes sociais, iniciada hai dúas semanas en facebook e tuenti e desenvolvida en formato teaser, de xeito que ata hoxe se mantivo a intriga para tratar de despertar o interese das internautas, sen desvelar que a peza era parte da campaña institucional do 8 de marzo.
Este movemento en redes está sendo unha chamada ao sentimento de orgullo das 1.445.831 Piares que existen en Galicia e unha invitación para sumarse á construcción dun piar virtual de mulleres. A dinámica de adhesión permite ir creando ese piar virtual cos rostros e coas fotos das mulleres participantes, que suman xa as 5.638 seguidoras.
O acto institucional celebrarase o 7 de marzo na Cidade da Cultura, presidido polo presidente da Xunta de Galícia, e nel participarán varias mulleres membros dunha saga familiar de longa tradición empresarial en Galicia.

A campaña está realizada cunha estética elegante, baseada na consideración e idealización das 1.445.831 mulleres galegas como Piares, que van construíndo un friso que simboliza o soporte económico que son para a sociedade.
Na producción do spot ténse empregado unha novidosa técnica de animación que é orixinaria da web e da fotografía e por primeira vez se aplica ao soporte televisivo. A técnica, denominada Cinemagraph, dota de movemento os contidos fotográficos e consiste en animar, de manera selectiva e mínima, determinadas partes dun obxecto ou dunha persoa, neste caso, determinadas partes de cada unha das mulleres que van aparecendo no spot. 

O día 8 de marzo a campaña estará en xornais dixitais, en prensa, en radio e en TVG.

viernes, 24 de febrero de 2012

Proxecto Destino Empleo.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistíu esta mañá en Lugo á presentación do proxecto Destino Empleo, unha plataforma dixital para as mulleres galegas que queiran mellorar as súas habilidades e competencias á hora de atopar emprego ou por en marcha o seu su propio negocio, promovido pola Asociación de Empresas TICs de Galicia, AGESTIC.

A plataforma Destino Empleo está dimensionada para titorizar o itinerario de aproximadamente 550 usuarias, tal e como se puxo de manifesto no acto de presentación, celebrado na Confederación de Empresarios de Lugo coa presencia do presidente de AGESTIC, José María López Bourio; da presidenta da Asociación IDEM de Cantabria, Montserrat Peña, da presidenta de AFAMMER, Pilar Osorio; e da concelleira de Muller e Igualdade de Logroño e diputada no Congreso, Concepción Bravo.

Colaboran no proxecto a Asociación de Familias e Mulleres Rurais de Galicia, AFAMMER, que ten entre os seus obxectivos reivindicar o protagonismo feminino no desenvolvemento do mundo rural, e a Asociación IDEM de Cantabria, con experiencia en proxectos de igualdade de xénero e sociedade da información.

Este proxecto, aprobado polo Plan Avanza do Ministerio de Industria, é unha experiencia piloto innovadora para contribuir á igualdade nas TICs, utilizando os servizos dispoñibles na rede. Plantexa un itinerario on-line en forma de mapa de metro para fomentar e mellorar o emprego, o autoemprego e o espíritu empresarial das mulleres que estean en situación de desemprego e desexen buscar traballo por conta allea ou iniciarse nun proxecto empresarial.

Destino Empleo está diseñado para aumentar o número de mulleres na sociedade da información, partindo da creación da súa identidade dixital, para a creación de empresas promovidas por mulleres mediante os servizos dixitais dispoñibles na rede por medio dun sistema virtual, que non esixe tempo presencial e resulta polo tanto conciliador e compatible coas circunstancias personais e familiares de todas as potenciais usuarias.

A plataforma ten capacidade para que unhas 550 mulleres galegas realicen este intinerario de forma on-line e gratuita, co apoio de persoas especializadas en orientación laboral, mediante técnicas de busca efectiva de emprego e asesoría a emprendedoras para crear as súas propias empresas grazas ás TICs, baixo o criterio de superar problemas como o teito de cristal ou a conciliación da vida familiar e laboral.

O punto de partida do itinerario está na web www.destinoempleo.org, na que a partires de hoxe poden inscribirse as interesadas e estará operativa en abril para que cada usuaria poida elexir o itinerario que máis se axuste ao seu perfil e expectativas, co apoio e asesoría axeitados.

As vantaxes do uso das redes sociais de tipo profesional ou dos blogs personais orientados ao emprego son algunhas das claves do itinerario, que facilita cuestións como o plan de negocio, o plan de márketing ou as posibilidades de financiación.

Susana López Abella destacou no acto o presuposto de 665.000 euros para apoiar o emprendemento feminino a través do programa Emega, que a Secretaría Xeral da Igualdade convoca anualmente e que este ano, por primeira vez, vai estar vinculado á conciliación, como factor determinante na construcción dunha sociedade igualitaria.

Entre as medidas directas de conciliación da Secretaría da Igualdade, citou como exemplo a liña de axudas para homes que reducen a súa xornada laboral para conciliar e atender aos seus fillos e fillas menores, dotada este ano con 375.295 euros, á que se acolleron no bienio 2010-2011 un total de 425 homes, con axudas que poden chegar aos 3.600 euros.

lunes, 13 de febrero de 2012

MEDIDAS URXENTES PARA A REFORMA DO MERCADO LABORAL.

Poñemos á vosa diposición ó Real Decreto Lei 3/2012, de 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral aprobado polo Goberno.

Accede ó contido completo do decreto premento AQUÍ.